Ambiental
O coidado do medio ambiente, un compromiso de futuro
A conservación do medio ambiente é un compromiso que está integrado no noso modelo de negocio sostible. Dende Clece e filiais contribuímos á preservación do medio natural apostando polo uso de enerxías renovables, a substitución de combustibles fósiles por outros máis sostibles e a implantación de políticas de consumo responsable.
De acordo con este compromiso, a compañía adheriuse ao obxectivo Net Zero, unha coalición impulsada por Nacións Unidas no marco do Acordo de París, que ten como propósito para 2050 reducir até deixar practicamente a cero as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro e neutralizar as emisións residuais, é dicir, aquelas que actualmente son difíciles de evitar ou eliminar por completo. Nós adiantamos este obxectivo, co fin de converternos nunha empresa «cero emisións netas» en 2045.
O noso propósito para 2045
En Clece e filiais xa desenvolvemos e implementamos un Plan de Descarbonización, que establece as medidas estratéxicas da compañía para reducir e neutralizar as nosas emisións de CO2, así como os obxectivos a medio e longo prazo en tres alcances. O alcance 1 corresponde ás emisións directas polo consumo de combustibles, o alcance 2 engloba as emisións indirectas procedentes da enerxía comprada ou adquirida e o alcance 3 inclúe o resto das emisións indirectas producidas na cadea de valor da compañía.











O alcance da neutralidade climática, o fomento dun consumo responsable, o desenvolvemento dunha economía circular e o impulso da formación e sensibilización entre as persoas que conforman a nosa comunidade son as liñas de actuación definidas pola compañía para acadar estes obxectivos.

Neutralidade climática
O indicador que nos permite coñecer a evolución cara ao Net Zero é a pegada de carbono que xera a nosa actividade. Por iso, dende o ano 2015 calculamos as toneladas de dióxido de carbono que produce a compañía, o que nos serviu para establecer os plans de actuación encamiñados a reducir as nosas emisións de CO2. O uso de enerxías renovables, cunha forte aposta pola implantación de sistemas fotovoltaicos; a substitución de combustibles fósiles, como o petróleo ou o carbón, por outros máis sostibles; e a renovación da nosa frota por vehículos eléctricos son as principais medidas que integran estes plans.
Bosques sostibles contra o cambio climático
O programa de repoboación forestal de Clece e filiais supón un paso máis cara á consecución do obxectivo Net Zero. Mediante este proxecto, neutralizamos as emisións residuais de CO2 que xera a nosa compañía, co que creamos ecosistemas naturais que capturan o dióxido de carbono da atmosfera de forma permanente. O noso compromiso para 2045 reside na compensación do 10 % destas emisións mediante a plantación de especies autóctonas.
Consumo responsable
En Clece e filiais investimos en accións que promoven un consumo responsable, a fin de optimizar o uso dos recursos naturais e reducir as nosas emisións de CO2. Con este propósito, establecemos unha política de eficiencia enerxética e de compras sostibles, coas que priorizamos o comercio de proximidade ou a adquisición de produtos con distintivo ecolóxico, entre outras alternativas.


Economía circular
A economía circular establece un novo modelo de produción e consumo no que se amplía o ciclo de vida dos produtos, o que permite reducir significativamente a xeración de residuos ao converter estes en recursos. Un sistema que se estableceu na sociedade como unha das pancas de transformación máis importantes para a sostibilidade ambiental.
En Clece e filiais entendemos a economía circular como un elemento chave no noso Plan de Descarbonización. Impulsamos este modelo aplicando os principios de redución, reutilización, reciclaxe e recuperación na xestión dos produtos e residuos, sendo o noso principal obxectivo a valorización de, como mínimo, o 80 % destes últimos, dándolles outra utilidade para devolvelos ao ciclo produtivo como novos produtos.
Formación e sensibilización
Somos conscientes de que a formación e sensibilización son accións esenciais no noso camiño cara á descarbonización. A concienciación de todas as persoas traballadoras da compañía é a base fundamental para levar a cabo cada unha das medidas que integran a nosa estratexia para reducir e neutralizar as emisións de CO2. Por iso, en Clece e filiais contamos cun plan formativo de sostibilidade ambiental. Así mesmo, pomos en marcha campañas de sensibilización entre as persoas usuarias dos nosos servizos, provedores e clientes.
